29/3/09

Emilio Calatayud e os menores

Non vos perdades as reflexións de Emilio Calatayud (xuíz de menores en Granada) que destacou sempre polas súas sentencias, son para facer pensar... No segundo dos videos hai unhas reflexións que son dignas de escoitar respecto ós centros escolares.

26/3/09

A NENA DOS TRES NOMES

É unha historia aínda máis especial porque é verdade, porque sucedeu fai uns poucos anos aquí na “civilizada Europa”, nos últimos anos da II Guerra Mundial.

Nun período da nosa historia que aínda que non debemos esquecer, si que debemos tentar que non se repita nunca máis, e no medio de todos os horrores cometidos contra os xudeus europeos asistimos á luceciña que nos da a esperanza de que sempre existirán persoas capaces de manter viva esa lume de humanidade pola que merece a pena continuar.
Penso, que como no "Diario de Ana Frank" e mesmo co "O neno do pixama de raias" non é un libro pensado para nenos, aínda que poden lelo tamén.

La niña de los tres nombres de Tami Shem-Tov está en Biblioarzua.

Reflexionando sobre a educación

Hoxe visitando o blog de ANB, atopei este vídeo que me fixo pensar moi seriamente na importancia de chegar ós rapaces e rapazas ós que pretendemos educar e ensinar. Unha reflexión moi acertada, sobre os novos tempos e a educación, eu creo que é importante que os educadores non perdamos este tren.

19/3/09

Xardíns do mundo: O xardín xaponés

Hoxe non imos falar dun xardín con nome e apelidos, senón dun xardín que marca unha filosofía de vida. Son os XARDÍNS XAPONESES, que son moi antigos na tradición xaponesa, onde se considera que o home non sería completo sen natureza, sería coma u orfo, se non se sentise irmán da auga, das plantas ou as rochas.... como vedes unha forma diferente de entender os xardíns e a vida.

O xardín xaponés nace como un espazo de meditación en comunión coa natureza, están concibidos para inspirar vitalidade e serenidade, onde as rochas son montañas, a grava modúlase en forma de ondas de auga simulando un estanque ou onde a vexetación se move para poder oír os seus sons e as súas emocións.
Os xardíns xaponeses non están feitos para pasear, senón para ser admirados e contemplados como si fosen un cadro onde o desprazamento do corpo e da mente son fundamentais. O seu obxectivo é representar a beleza da natureza, imperfecta, o desorden e o equilibrio inestable entre o home o ceo e a terra, búscase que o efecto sexa natural, de xeito que si as rochas usadas na súa creación estaban colocadas dun determinado xeito na natureza, no xardín deben ir do mesmo modo... non existe planificación previa, son os propios elementos os que van indicando como deber ir colocados. Son xardíns asimétricos, como o son o mundo e a natureza; si fose simétrico o xardín non invitaría ó home a formar parte dese universo utópico. A Beleza atópase no imperfecto no inacabado. Deben marcar as estacións como símbolo de cambio, todo no xardín ten o seu lugar e non se recollen as follas caídas para permitir o crecemento doutras especies como musgos e fieitos
Hai moitos tipos de xardíns pero poderíanse facer tres grupos:
  • Os da casa de te, á que se accede por un camiño de pedras rodeado de plantas, árbores e auga.
  • Os verdes que poden ser grandes como bosques e solen rodear a mansións.
  • Os xardíns secos ou de pedra que en tan só uns poucos metros cadrados, a base de grava e rochas engloban os principios fundamentais da arte e filosofía xaponesas.
Podes ler máis neste enlace ou neste outro


Na nosa biblio temos moitos libros de xardíns con magníficas fotos para disfrutar de momentos superagradables. Pásate e pregunta!!!

15/3/09

O PAN DA GUERRA E A VIAXE DE PARVANA

Unha rapaza, Parvana, vive en Afganistán na época dos talibáns, os seus pais perdéron os seus empregos e xunto cos seus 3 irmáns malviven co pouco que gana o seu pai no mercado lendo cartas e vendendo as poucas pertenzas que lles quedan...

Este é o punto de partida da súa historia ao longo destes dous títulos de Deborah Ellis que compramos para Biblioarzúa. A partires deste momento a vida vólvese certamente moi dura e penosa, porque en Kabul, e mesmo en todo o país, se viven tempos estraños que esixen que xente normal tome decisións difíciles para poder seguir vivindo (ou algo parecido a eso...)

A dedicatoria do segundo dos libros fíxome reflexionar durante un bo anaco: “Para os nenos aos que obrigamos a ser máis valentes do que deberían”. Toda unha lección...

Hai unha proposta didáctica interesante para "A viaxe de Parvana" de EDELVIVES e tamén para "O pan da guerra" .

12/3/09

A LEI ASASINA

Nicaragua é dende finais de 2007 o terceiro país do mundo onde abortar é ilegal baixo calquera circunstancia.
Violación, incesto ou perigo para a vida da nai non constitúen unha excepción.
Aquelas mulleres que poden permitírllelo marchan a abortar fóra do país ou sobornan aos médicos dunha clínica privada, pero a gran maioría de mulleres son pobres e a única alternativa é continuar cun parto de alto risco de morte ou tratar de abortar elas mesmas co risco de morrer no intento.
Os médicos están en situacións imposibles, sometidos por decisións políticas e conflictos éticos, nos que numerosas veces o desenlace é a morte da muller.
Daniel Ortega, o presidente de Nicaragua apenas é recoñecido nas decisións de hoxe naquel revolucionario dos 80 que liderou a revolución contra o dictador Somoza...
Mentres tanto as mulleres nicaraguanas seguen morrendo cada día...

10/3/09

LLANTO DE LLAMAS

LLanto de llamas É unha novela policiaca que se desenvolve fundamentalmente en Madrid (con algunha pequena incursión en Ibiza) protagonizada por unha xornalista de sucesos coñecida como "A China" e por un detective privado, perdedor, frustrado e cunha vida persoal tamén bastante pouco organizada.

Dous casos entrelazados, que se van complicando e enchendo de personaxes que teñen pouco de estereotipados, ao contratio que os protagonistas.

De fácil e rápida lectura foi Premio Ciudad de Barbastro de novela curta na súa 33 edición. e ademási foi escrito por Isabel Alonso

Por certo ela propón o xogo do Libro Perfecto, que consiste en responder a 5 preguntas moi sinxelas e coas respostas que lle deades ela vos propondrá o que pensa que será o voso libro perfecto. Se vos animades a probar, aqui tedes o enlace. Eu xa o fixen así que xa vos contarei se acertou.

8/3/09

3/3/09

Anne Perry

Aproveitando que este mes ímolo dedicar dende a biblioteca ás mulleres, vou ir propoñendo algunhas das miñas últimas lecturas escritas por ou sobre mulleres.

Anne Perry é unha escritora de novelas de misterio que ambienta fundamentalmente en Inglaterra e moi frecuentemente en Londres, na época victoriana do século XIX. Como dato curioso, ela mesma estivo implicada nun asasinato cando era moi nova xunto cunha amiga (a actriz Kate Winsley protagonizou unha película sobre este suceso: Criaturas celestiais)

Ten dúas series estupendas destas novelas: unha protagonizada polo inspector Pitt e a súa dona Charlotte e outra polo inspector Monk (que sufriu unha perda de memoria no pasado da que non está totalmente recuperado) e a súa dona Hester.

No instituto acabamos de mercar un libro desta segunda serie: Asesino na oscuridade, na que Monk trata de resolver un misterio arredor da morte de 2 amantes.

Tamén compramos outro libro, éste non pertence ás series de misterio anteriormente mencionadas, senon que é un thriller histórico que acontece nos anos previos á 1ª Guerra Mondial: Anxos nas tebras.

Celebrando o día da muller

Neste mes de marzo onde celebramos o día da muller, dende a biblioteca propuxemos unha actividade que parece ter éxito... é a seguinte:
A idea é organizar un concurso a nivel de centro onde participen todos os profesores e profesoras e tamén os seus alumnos e alumnas Trátase de adiviñar 5 nomes de mulleres (de cada unha das materias: historia, mitoloxía, ciencias, matemáticas, arte, economistas, literatas, músicas...) a partir de certos datos biográficos que terán que utilizar para dar con eses nomes.
Obxectivos:
  • Celebrar o día da muller
  • Dar a coñecer a algunhas mulleres relacionadas coas profesións que están estudando.
  • Buscar información a traves da rede e tamén a través da biblioteca.
  • Relacionar a busca da información coas materias oportunas do currículo.
Empezamos o luns 9 de marzo e cada profesor/a levarao a cabo cos seus alumnos/as nas súas materias.
Entre todos os participantes (cursos) sortearase unha sorpresa.